luns, 26 de xaneiro de 2015

Observatorio astronómico de La Hita

Hoxe no telexornal da TVE1 falaron dun proxecto feito realidade que vén moi a conto do que estamos traballando en Sociais. O Observatorio astronómico de La Hita en Toledo é o resultado do traballo de tres afeccionados á astronomía que decidiron construír o seu propio observatorio para ver estrelas. Fixádevos no que conseguiron... E entrade tamén neste enlace do xornal dixital Voz Populi se queredes saber máis sobre como foi o proceso que levou a construír o observatorio que existe na actualidade.

domingo, 25 de xaneiro de 2015

Temos Pasaporte!

Aquí está o noso Pasaporte Conectando Mundos 2015, resultado do traballo que fixemos na primeira semana da actividade. Agora temos que continuar e comezar viaxe.

Pasaporte Conectando Mundos

Buscando a Bobby Fisher

No blogue da biblioteca temos información interesante sobre a película que viña na maleta matemática: Buscando a Bobby Fisher. Premede na imaxe para acceder ao artigo da BBS.

http://www.blogoteca.com/bbs/index.php?cod=134124

Entrevistamos a Rocío Pérez Castro

Dentro das actividades que se levaron a cabo na escola coincidindo coa exposición da Maleta matemática estivo no noso centro Rocío Pérez Castro,  a escritora do libro Leandro e os números. Rocío veu presentar o seu libro aos nenos e nenas de primeiro e segundo, pero nós tivemos a sorte de poder asistir a parte dunha das dúas sesións para escoitar o conto e pedirlle a Rocío se nos deixaba entrevistala. Ela aceptou así que aquí tedes a entrevista que lle fixemos.   



P. De onde es?
R. Eu son de Dodro.

P. Pero tes familia en Taragoña?
R. Si, teño familia en Taragoña, teño ao meu primo Mateo, que está nesta escola e á miña tía, claro.

P. Tes outra profesión a parte de ser escritora?
R. Si, son monitora nun colexio.

P. Que estudaches?
R. Estudei para ser mestra de Educación Primaria e Infantil e tamén estudei Pedagoxía.

P. Desde cando escribes?
R. Escribo desde sempre. O primeiro que lembro que escribín foi na escola unitaria pero non o gardei
e agora gustaríame velo.



P. De pequena querías ser escritora?
R. Si.

P. Gústache escribir?
R. Si, claro que me gusta escribir.

P. Escribiches máis libros?
R. Si, pero Leandro e os números é o único que teño publicado de momento.

P. En que te inspiraches para escribir Leandro e os números?
R. Inspireime nunha urbanización que hai cerca da escola na que traballo, con todas as casas iguais como a do conto.

P. Quen fixo as ilustracións?
R. As ilustracións fíxoas unha amiga miña que se chama Lidia Brea. Descubrín que lle gustaba debuxar e pedinlle que mas fixera.

P. Gustouche traballar con ela?
R. Si, gustoume moito.


P. En que editorial está publicado Leandro e os números?
R. Esta publicada nunha editorial pequena que se chama Bailarete.

P. Como se fai para publicar un libro?
R. Tes que ir á editorial, presentar a idea e se lles gusta o libro cóllencho. Eu coñezo a unha rapaza que traballa nesta editorial e dinlle o libro para que o levara. Gustoulles e publicárono.

P. Tes pensado seguir escribindo ?
R. Si

P. Gústache contarlle contos aos nen@s ?
R. Si, gústame pero non sempre o mesmo libro para que non lles aburra aos nen@s, nin a min.


P. Canto tardaches en escribir o conto ?
R. Tardei pouco unhas horas, pouco menos dunha tarde., pero unha vez escrito tiven que revisalo varias veces e fun cambiando cousas. A editorial tamén me pediu que fixera algúns cambios.


Moitas grazas, Rocío!

luns, 19 de xaneiro de 2015

Conectando mundos. Comezamos!


Hoxe abre a primeira fase de Conectando mundos 2015! O lema desta edición é Cando os dereitos se frustan!
Comezamos a traballar con moitas ganas e segur@s de que imos aprender moito e pasalo moi ben. Temos boas lembranzas do curso pasado! Temos ante nós nove semanas para investigar, descubrir, reflexionar, debatir, aprender...

Mans á obra!

Conectando Mundos

venres, 16 de xaneiro de 2015

Marcos Mostaza

Á volta das vacacións comezamos a ler un novo libro de lectura colectiva que está nos itinerarios lectores de 5º. Desta vez é unha obra en castelán: Marcos Mostaza uno, de Daniel Nesquens, con ilustracións de Claudia Ranucci e publicado na editorial Anaya.

É unha novela realista escrita en primeira persoa por un neno de dez anos que nos vai contando como é a súa vida, a súa familia, os amigos e amigas, a escola...
Como todas as obras Nesquens está escrita con moito sentido do humor e é imposible lela sen un sorriso na cara e sen botar ás veces unha boa gargallada.

E Marcos Mostaza ten blogue propio! Entrade neste enlace para velo.

xoves, 15 de xaneiro de 2015

Aniversario de Manuel

Hoxe celebramos o aniversario de Manuel, o primeiro da clase en facer

11 ANOS!!!!!!

Ademais de cantarlle e turrarlle das orellas tomamos un biscoito delicioso que como somos tan larpeiros/as devoramos ata que non deixamos nin migalla. Graciñas polo biscoito!
 
PARABÉNS, MANUEL!





 

A guerra dos números

A BBS recibiu unha maleta cargada de libros que falan sobre Matemáticas. Nós fomos os encargados de presentar a exposición nas clases, de decorar o espazo central da escola para ambientar a exposición e de contar un dos contos que vén na Maleta Matemática: A guerra dos números. Entrade neste enlace da BBS para poder ver a reportaxe completa.



 

Os lectores electrónicos

En xaneiro os lectores electrónicos estarán en 5º! 

Este curso, que xa os coñecemos e sabemos usalos, imos poder telos en quendas de catro durante unha semana para poder continuar día a día coa lectura de obras algo máis longas.